13 jun 2012

Urbanismo efémero popular

A conta atrás comezou xa hai un par de meses, e en apenas horas terase destruído o traballo altruísta de centos de alfombristas que cada ano engalanan as rúas das nosas vilas e de moitas cidades espalladas polo mundo enteiro, e todo o traballo de días e días remata en apenas unha hora.

Tanto nas alfombras de flores de Rianxo ou de Muros, como nas de sal da Pobra do Caramiñal, ou mesmo nas de serrín pintado, a motivación popular e o traballo en equipos coordinados son o motor da súa supervivencia e da superación. O sentir do pobo fai realidade o desexo de mudar a aparencia das rúas por un día, aportando cores vivas ás grises paredes pétreas dos nosos cascos históricos, todo con un impresionante esforzo no que se traballa baixo unas directrices compartidas e con un fin efémero, sabendo da súa posterior desaparición.

Sen se poñer de acordo e sen seguir patróns preestablecidos, centos de vilas e cidades ofrecen durante ese día o resultado de un urbanismo efémero popular, como se das mellores galas se tratase para un evento especial, como para un casamento.

So durante un día as rúas están urbanizadas a gusto do pobo, sen a intervención dos gobernantes nin dos contratistas e sen subvencións, so co esforzo e a imaxinación de centos de homes e mulleres en harmonía e fraternidade. Aínda que non o pareza, estamos ante un impresionante Patrimonio Inmaterial que cómpre protexer, favorecer, apoiar e mesmo declarar como tal, para que o que ven sendo unha tradición dende hai moitos anos poida ser transmitido no tempo, por riba das modas e dos costumes, ás xeracións futuras.

Para isto é necesario seguir involucrando e introducindo ás novas xeracións: aos nenos e nenas e á mocidade; tamén hai que concienciar ás autoridades que cómpre divulgar este noso oficio mediante medios públicos e mesmo foros, pero tamén facer aportacións económicas para que o que é un patrimonio de todos non teña que ser soportado polos propios cidadáns que poñen o corazón, a man de obra e mesmo o material, de xeito desinteresado, porque o beneficio non é soamente para os que participamos, senón para o pobo en xeral: centos de persoas se achegan ás nosas vilas para gozar, por un día, dunha escena urbana distinta, o que ven sendo un atractivo turístico máis, grazas á participación máis popular e solidaria.

Carlos Henrique Fernández Coto. Arquitecto

Publicado no xornal     La Voz de Galicia, o día 9 de xuño de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario